Saturday 18 de May de 2024

A Xunta destina preto de 1,27 millóns de euros a subvencionar obras de rehabilitación e mellora de vivendas de promoción pública


Trátase de axudas a comunidades de propietarios de vivendas promovidas pola Xunta ou transferidas ao mesmo

A Xunta de Galicia destinará preto de 1,27 millóns de euros a subvencións a comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública para reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios de vivendas promovidos polo Goberno galego ou transferidos á comunidade autónoma, segundo establece a Orde publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia, e que contén as bases reguladoras destas axudas e a convocatoria das mesmas para 2016.

Poderán beneficiarse das subvencións as comunidades de propietarios dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS e dos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia mediante os reais decretos de transferencias 1926/1985, do 11 de setembro, e 1461/1989, do 1 de decembro, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para realizar obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria.

Os edificios que opten ás axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter unha antigüidade superior a 10 anos.
b) Reunir as necesarias condicións de seguridade estrutural. No caso contrario, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garanten que o edificio reúne as condicións necesarias de seguridade estrutural.

Actuacións subvencionables
Serán consideradas actuacións subvencionables todas aquelas obras destinadas á reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios incluídos no ámbito de aplicación desta orde que comprendan todos ou algúns dos seguintes traballos:

a) Adecuación das condicións de seguridade estrutural: obras que proporcionen ao edificio condicións de seguridade construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, así como obras de seguridade fronte a accidentes ou sinistros.
b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, e mellora das instalacións de calefacción.
c) Adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais como rede de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.
d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, ascensores, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluídos os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.

Subvención
O orzamento subvencionable virá definido polo custo total das obras, que estará integrado
polo prezo de execución destas, os honorarios facultativos, as licenzas e tributos satisfeitos que fosen precisos por razón das actuacións, así como os honorarios correspondentes á elaboración do informe de avaliación do edificio.

En todo caso, establécense como prezos máximos para a redacción do orzamento de execución material os das distintas partidas da Base de datos da construción de Galicia.

A contía da subvención será de ata o 60% do orzamento aprobado na resolución de concesión e ata un máximo de 4.000 euros por vivenda.

Prazo de solicitudes
As solicitudes poderán presentarse durante o prazo de dous meses a contar dende o día seguinte á publicación da Orde no Diario Oficial de Galicia, polo que dito prazo rematará o 11 de xullo de 2016.

As obras non poderán iniciarse antes de que se notifique a resolución de concesión, salvo autorización expresa do IGVS por causas excepcionais e sen que esta circunstancia dea dereito á concesión da subvención nin creará obrigas para o IGVS.